martes, 7 de diciembre de 2010

Música e lectura

Veño de ler dunha tacada "La cena" do holandés Herman Koch por indicación dos meus amigos de Trafegando Ronseis. Como lles comentei a eles no seu blog, ocurriume algo curioso tras da lectura deste libro: durante moitos días seguía "resoando" na miña cabeza cual sinfonía inacabada.
Resultoume entón inevitable establecer a comparación entre unha novela e unha sinfonía. E levo cavildo bastante sobre este asunto. Non resulta extraño encontrar paralelismos pois ámbalas dúas construccións artísticas móvennse nos parámetros temporais: desenvólvense no tempo, na sucesión de acontecemenmtos temporais. Na música este fenómeno temporal constitúe casi a súa esencia pero na novela xoga un papel decisivo tamén.
Na obra que comentamos está moi clara esta organización secuencial e temporal dos acontecementos que, curiosamente, se producen ao redor dunha cea, do tempo que dura unha cea. Incluso quedan pautados ao modo dos movementos sinfónicos polos distintos pratos: aperitivo,entrantes, primeiro, segundo, postres, dixestivo e propina.
É pois no aspecto estructural onde o paralelismo entre ámbalas dúas formas artísticas se nos aparece mais claro. Na necesidade de dotar a inxente cantidade de material con que xoga o autor (músico ou escritor) dunha estructura que permita ao lector/oínte organizarse e guiarse no medio de tal cúmulo de materiais. Personaxes, historias, acontecementos, tramas e paisaxes coma materiais novelísticos e motivos melódico-harmónicos, rítmicos e tímbricos coma elementos musicais.
A presencia dun fío conductor tanto argumental coma musical vai asegurar esa coherencia e liña de referencia para non perderse. E aí volvemos a encontrar paralelismos entre a novela e a peza sinfónica.