lunes, 21 de agosto de 2017

A música, arte efémera.

Contemplando o xa tradicional castelo de area na praia de Silgar, penso no carácter efémero deste tipo de manifestacións artísticas. Neste caso o peor inimigo das construccións son as gaivotas. Hai outra arte efémera que tamén gosto de practicar: a floricultura. Nada máis fermoso e perecedeiro que unha flor natural. E, deseguida, venme a idea de que, de tódalas artes, a máis efémera é precisamente a música. Ao ser a arte temporal por antonomasia, está nun constante fluír. Cando soa a segunda nota, a primeira xa se extinguíu, xa se esvaeceu... e así sucesivamente. Só a memoria auditiva nos salva deste constante fluír de sons e nos dá a posiblilidade de pensar nunha certa permanencia e durabilidade. Tamén é verdade que tanto o sistema de notación musical coma os modernos métodos de rexistro sonoro contribúen a darlle un certo carácter de permanencia e estabilidade no tempo. Pero a auténtica música: a música en vivo e en directo non pode eludir ese carácter efémero que lle é consubstancial.