miércoles, 6 de febrero de 2008

VOCES
(Discurso no 25 aniversario do Coro de Cámara Club Artístico de Ribadavia)

A Biblia dinos que “ó comezo foi o verbo”: a palabra. Sen embargo, hoxe en día, os expertos inclínanse por pensar que, antes que a palabra e a linguaxe foi a música e o canto. Vamos, que unha xuntanza dos nosos antepasados homínidos debía parecerse máis a un ensaio do coro que, por exemplo, a unha das interesantes “tertulias” ou faladoiros que se producen habitualmente neste Club. Antes de falar os humanos cantaron.
O que si está ó comezo e ó principio de todo é a voz como soporte material e sonoro tanto do canto como da fala. E así podemos considerar a voz como un “principio”: un principio de vida, e como unha forza, como unha forma de enerxía capaz de xerar vida. En efecto, a voz está directamente ligada á respiración, ó “sopro vital”. Está pois ligada á vida. A voz convértese na primeira manifestación de vida: cando nace un neno sabemos que vive porque se encarga de confirmar a súa existencia pegando o seu primeiro berro. E, pola contra, morremos ó exhalar o último suspiro.
Agora ben a voz é tamén sinal de vida porque nace e sae do cerne do ser humano corporalmente situado a nivel do diafragma, no plexo solar. Esta orixe “profunda” da nosa voz fai que cheguemos a confundila coa persoa. Curiosamente a palabra persoa significa etimoloxicamente “per-sonare”: era o orificio que se practicaba na máscara dos personaxes do teatro greco - romano para facerse oír. Esta unión entre voz e personalidade chega a ser tan estreita que a nosa voz convértese na pegada sonora que nos identifica a cada un tanto como as pegadas dactilares.






Estas posibilidades expresivas da voz humana encontran no canto, na voz cantada, o vehículo máis perfecto para o logro do seu máximo e pleno desenvolvemento. O canto, a voz cantada, é efectivamente a manifestación máis plena de toda a personalidade; a forma de expresión na que se poñen en xogo tódolos niveis da persoa: físico, emocional e mental. A nivel físico, pois no canto todo corpo se transforma nun instrumento musical coa participación de máis de 100 músculos, segundo as últimas investigacións, que favorecen tanto a osixenación do organismo como a activación do sistema circulatorio. Ritmo respiratorio e cardíaco e presión sanguínea regúlanse coa práctica do canto reducíndose así o estres. Non en balde xa son moitos os médicos sabios que recomendan a práctica do canto como terapia para moitos tipos de males. A nivel emocional o canto proporciona un vehículo perfecto para a expresión anímica e para dar saída a tantas tensións en que vivimos. Tódolos cantores de coro saben moi ben a estreita relación existente entre a calidade da voz e o seu estado emocional no momento de cantar por ese caracter de expresión profunda da persoa humana que a voz encerra. Cantar supón recuperar a capacidade de xogar; a compoñente lúdica e máis creativa da nosa personalidade, tan esquecida ás veces por mor dunha vida social marcada pola racionalidade e as preocupacións. Como deixou dito alguén: “cantar non serve para nada”. É efectivamente un puro xogo co que nos obsequiamos a nos mesmos e, chegado o caso, ó parroquia que nos escoita, para facer mais levadeira esta vida. É pura arte. Por fin tamén a nivel mental pois desenvolve importantes capacidades como atención, concentración, memoria ou axilidade mental.
A voz, despois do seu nacemento, sae ó exterior, ó espazo sonoro e relacional e alí encóntrase cos outros, ós que “toca” e nos que “rebota”. Prodúcese entón o fenómeno social da comunicación. Así coa voz podemos superar a distancia espacial dos corpos e entrar en contacto simbólico, en comunicación cos demais.
Convértese así a voz nunha ponte entre as persoas, entre os individuos, facilitando a comunicación e o intercambio inter - persoal. Facendo, en suma, sociedade. Nace entón o canto coral, o canto colectivo. No coro a voz individual e persoal atopa entón un novo ámbito de socialización. Un lugar de encontro cos outros. Nace así o coro como unha das primeiras manifestacións da vida social, da vida colectiva e comunitaria. O canto colectivo convértese, para os nosos antepasados de tódalas culturas e civilizacións, nunha das primeiras manifestacións da vida social ó tempo que nun forte vínculo de unión da mesma colectividade tribal. E así estaba unido sempre ás múltiples formas en que esta vida colectiva se manifestaba: tanto nos traballos (recordar os nosos cantos da vendima, da seitura, da sementeira, das muiñadas, etc.) como nas cerimonias simbólicas festivas ou relixiosas que ían pautando a vida social das comunidades primitivas. E así se conservaron ata o día de hoxe ó longo de séculos no que entendemos como música popular e tradicional. Cando na afastada Idade Media aparece a música culta unida á escritura musical, aquela é sempre coral. O canto gregoriano recolle o inmenso arquivo sonoro da espiritualidade cantada durante centos de anos baixo as bóvedas de mosteiros e catedrais. Posteriormente coa polifonía constrúese o monumento máis emblemático e maxestoso ás posibilidades da voz humana cantando colectivamente, en coro. Pero tiveron que pasar algúns anos máis para que as dúas vías nas que se manifestaba esa tendencia innata das colectividades humanas para cantar: a popular e a culta, se encontrasen definitivamente. Aconteceu en París, no ano 1830, cando se fundou o primeiro Orfeón no seo dunha sociedade de traballadores e artesáns botando man do mito de Orfeo que co seu canto salva á súa amada dos infernos.

Os iniciadores do que chegaría a ser o Movemento das Sociedades Corais que rapidamente se estendería por toda Europa e as Américas, concibían o coro como unha escola de cidadanía e de convivencia. Inspirados nos socialistas utópicos, as Sociedades Corais nacen no seo do incipiente movemento obreirista para favorecer o desenvolvemento da dimensión humanística e social das clases populares, anticipándose en séculos ó que hoxe entendemos como o ideal de formación ó longo de todo o ciclo vital das persoas.
Así o coro, no que as voces individuais non se suman senón que se potencian dando orixe a unha nova voz: a voz do coro, consegue o milagre musical de facer polifonía sen necesidade de estudar musica previamente. En outras palabras: poñendo a música democraticamente ó alcance de todo o mundo. Partindo dunha premisa básica e fundamental: o canto é unha función natural en tódalas persoas.
Por fin, nos concertos creamos, sequera mentres duran, a ilusión feliz dunha verdadeira comunidade humana entre os cantores e os oíntes.
É por iso que a celebración do vinte aniversario dun coro como o noso convertese nunha noticia que debe encher de ledicia e de esperanza a tódalas persoas sensibles e interesadas no desenvolvemento pacífico e civilizado da humanidade.
¡Queda dito!
¡Grazas!

No hay comentarios: